Estatutos
Estatutos
Os estatutos da Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño foron aprobados en decembro de 2023. Podes consultalos na súa versión completa oficial:
CAPÍTULO I – DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1 – Denominación e natureza. Coa denominación de "ASOCIACIÓN DE VECIÑOS SOCIO-CULTURAL O QUINTEIRO DE BUÑO", constitúese unha organización de natureza asociativa veciñal e socio-cultural para lograr obxectivos de interese xeral, sen ánimo de lucro.
Artigo 2 – Personalidade e capacidade. A asociación ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar.
Artigo 3 – Domicilio. O domicilio social está no local coñecido como O Teleclube de Buño, rúa Santa Catalina, S/N, Buño – C.P. 15111, Concello de Malpica de Bergantiños.
Artigo 4 – Ámbito de actuación. O ámbito territorial principal é o pobo de Buño, no Concello de Malpica de Bergantiños, provincia de A Coruña.
Artigo 5 – Duración. A asociación constitúese por tempo indefinido.
Artigo 6 – Fins. Son fins principais: defensa dos intereses xerais dos veciños en materia urbanística, cultural, deportiva, educativa, sanitaria, social e económica; promover o asociacionismo; xestionar bens inmobles; esixir ás administracións o cumprimento dos dereitos recoñecidos pola Lei de Asociacións; organizar actividades culturais, deportivas, artesanais e de emprendemento.
CAPÍTULO II – DAS PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 7 – Requisitos. Para ser persoa asociada requírese ser persoa física ou xurídica con interese nos fins da asociación e ter pagada a cota de inscrición. As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipadas. Menores de máis de 14 anos necesitan consentimento documentado.
Artigo 8 – Clases. Existen persoas asociadas fundadoras, de número, de honra, e as figuras de simpatizante ou amigo/a da asociación (sen condición de asociado/a nin dereito a voto).
Artigo 9 – Perda da condición. Por vontade propia, falta de pagamento, incumprimento dos estatutos, ou falecemento.
Artigo 10 – Dereitos. Participar nas actividades, ser elector/a e elixible, participar nas Asembleas con voz e voto, recibir información, ser oído/a antes de medidas disciplinarias, e impugnar acordos.
Artigo 11 – Obrigas. Cumprir os estatutos e acordos, compartir finalidades, pagar cotas e derramas, e desempeñar os cargos para os que foron elixidas.
CAPÍTULO III – DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 12 – Organización. O órgano supremo é a Asemblea Xeral e o órgano de representación é a Xunta Directiva. Os membros non reciben retribución.
Artigo 13 – Asemblea Xeral. Integrada por todas as persoas asociadas, reúnese ao menos unha vez ao ano.
Artigo 14 – Reunións. Ordinarias (unha ao ano) e extraordinarias. Convocatoria por escrito con 15 días de antelación mediante cartel no domicilio e correo electrónico.
Artigo 15 – Constitución. Quórum: un terzo das persoas asociadas en primeira convocatoria, calquera número en segunda. Pódense celebrar de forma presencial ou a distancia.
Artigo 16 – Facultades da Asemblea ordinaria. Aprobar contas, orzamentos, cotas, elixir Xunta Directiva, aprobar incorporación a federacións, solicitar utilidade pública, aprobar regulamento de réxime interno.
Artigo 17 – Facultades da Asemblea extraordinaria. Modificar estatutos, acordar transformación/fusión/disolución, e outras non conferidas á Xunta Directiva.
Artigo 18 – Adopción de acordos. Maioría simple para acordos xerais. Maioría absoluta para: designación de Xunta Directiva, disolución, modificación de estatutos, disposición de bens, remuneración de cargos.
Artigos 19-27 – Xunta Directiva. Composta por Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Tesourería e Vogais (1-3). Mandato de 4 anos, renovable. Gratuíta, con reembolso de gastos. Reunións convocadas por Presidencia con 7 días de antelación. Quórum: metade máis un. Voto de calidade da Presidencia en empates.
CAPÍTULO IV – RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 28 – Patrimonio inicial. 500 euros. Peche do exercicio o 31 de decembro.
Artigo 29 – Recursos. Cotas periódicas, extraordinarias e derramas, doazóns, subvencións, ingresos por actividades, e financiación allea.
Artigo 30 – Contas anuais. Elaboraranse contas e memoria anual a disposición das persoas asociadas 15 días antes da Asemblea.
Artigo 31 – Contratación. Preferencia para asociados/as residentes, logo non residentes, logo veciñanza. Compras >5.000 € aprobadas pola Xunta Directiva, >10.000 € pola Asemblea.
Artigo 32 – Destino de ingresos. Os beneficios destínanse exclusivamente aos fins da asociación, sen reparto entre persoas asociadas.
CAPÍTULOS V, VI e VII
Artigo 33 – Regulamento de réxime interno. Pode aprobarse pola Asemblea Xeral.
Artigo 34-35 – Disolución e liquidación. Por acordo da Asemblea, causas legais ou sentenza xudicial. O patrimonio resultante destinarase a fins non lucrativos.
Artigo 36-37 – Seccións e Comisión de Festas. A asociación pode crear seccións, departamentos ou comisións para materias específicas, entre elas a Comisión de Festas.